Este muíño denomínase así polo topónimo do lugar onde se atopa, “Os Gozos” , derivado da advocación da Virxe á que se dá culto nas inmediacións. Por iso é coñecido, tamén como muíño “da Ermida”.
Atópase ao sur da parroquia de Santa Marta de Moreiras, no extremo dunha grande curva que describe o río Loña – case un meandro nesta zona de chaira -, que recibe dous afluentes pola esquerda, dos que o regato do Gruñal (tamén chamado dos Pensos ou de Esgos) é o que máis afecta ao muíño por unirse ao Loña antes dos Gozos, provocando un grande engrosamento nesta parte. O outro é o regato da Gaiola (ou da Medorra), que desemboca uns metros máis abaixo. Este gran muíño coa presa, en cuxa cabeza se asenta, forma con ela un conxunto singularísimo. Isto é debido á utilización da auga directamente, aproveitando un gran caudal que hai neste punto. E ademais, polo feito de atoparnos ante varios muíños pegados e unidos, formando un todo continuo. Os muíños son propiedade actualmente de dous donos distintos, o Sr. Benjamín de Santa Baia e o Sr. Xosé do Penedo.
Os muíños atópanse a poucos metros da estrada local que vai dende A Derrasa (C-536) cara á ermida da Virxe, e no extremo do seu campo murado –en dirección á “área recreativa” de Monterrei-, camiño real outrora. Dende aquí, debe collerse un estreito e curto camiño cara á dereita, que é o que se dirixe cara ao río, onde se atopan os muíños. O seu estado parcialmente ruinoso permítenos apreciar, non obstante, a estrutura que tiñan. Os edificios dos muíños atópanse asentados nun punto no que o leito do río describe un “ese “. Sobre unha superficie rochosa foron construídos perpendicularmente ao río. O conxunto atópase nun deficiente estado, tanto no que atinxe ao muros como ás cubertas.
O primeiro deles, dende o camiño, é o que está mellor conservado, non obstante, ao atoparse alterado pola propiedade, subdividiuse interiormente, o que afectou así mesmo ao acceso, xa que co cambio de propiedade abriuse unha nova porta na parede sur. O edificio ten unha planta irregular poligonal, con tres grandes muros lixeiramente escadrados pola parte do acceso, na que é máis ancho e regular. O parámento pétreo é de cachotería concentrada, con pezas irregulares máis ou menos prismáticas de similar tamaño colocadas en ringleiras horizontais nas paredes sur (parte SE.) e leste, mentres que na parte oposta (parede sur, lado SO., e oeste) o parámetro realizouse con pedras máis pequenas, polo que as ringleiras apenas se pode dicir que existan. A continuación outros dous muíños, todos con paso polo lado leste, sobre o canal do primeiro.
O terceiro ten a entrada en ángulo, sobre o cubo do muíño intermedio. A súa parede leste,
Poderosísima, sobresae aínda máis que a precedente, co que se produce así unha distribución gradual dende ela ata a liña da do grande.
Por este lado, a escasos metros, atópase a presa, dende a que toman auga todos estes muíños. Obra de grande envergadura, é notabilísima tanto pola lonxitude que ten, como pola súa altura, xa que o Loña acada neste punto unha das maiores anchuras de todo o seu curso o que é debido ao aporte das augas do regato do Gruñal.
|
Estes muíños, que sempre foron privados, deron servizo ás xentes das aldeas da contorna. Ante todo aos da Derrasa ,núcleo de poboación con varias airas para mallar centeo e trigo, e numerosos hórreos, dos que procedían os innumerables sacos de gran moído en “Os Gozos”.