XEOGRAFÍA E SITUACIÓN

O Concello do Pereiro de Aguiar atópase situado a 7 Km da capital lindando cos concellos de Nogueira de Ramuín ao Norte, Paderne de Allariz ao Sur, Esgos ao Leste e Ourense ao Oeste.

A súa extensión é de 61,1 Km², situándose á esquerda do río Miño que baña as súas terras ao carón do encoro de Velle, aínda que tamén transcorre por este Concello o río Loña, verdadeiro nervio axial do mesmo, deixando ao seu paso outros dous encoros que abastecen de auga á capital provincial (Cachamuíña e Castadón). Posúe unha poboación de 6336 habitantes (ano 2012) e está composto por 13 parroquias.

As maiores alturas podemos atopalas na cadea oriental, Chaodarcas (647 m) e nos montes de Ordelles, Outeiro de Covas e Balbón, na cadea occidental sitúase como punto máis elevado o Monte da Chaira (449 m).

O clima destas terras baixas e abrigadas, prolonga o mesmo clima que o val do Sil, con estas características mediterráneas.

A temperatura media anual é de 14º en xaneiro e 21,7º en xullo. Forman parte do Concello as seguintes parroquias:

  • Calvelle San Miguel
    Carballizos – Pardieiros, Os – Parladoiro, O – Quintela – Reboredo San Miguel – Selas – Vilarchao
  • Chaodarcas Sta. Ana
    Anduriñas, Chaodarcas de Abaixo, Chaodarcas de Arriba, Ordelles
  • Covas San Cibrao
    Castro de Covas, Cebreiros, Ferradal, Loñoá del Camino, Loñoá grande, O Tombo
  • Melias Sta María
    Agra – Bouzas de Fondo – Casdemiro – Cimadevila – Condado, O Espiñedo – Frieira – Lamagrande – Ouriz – As Espeteiras – Ventosela
  • Prexgueiró San Salvador
    Castadón – Cortiñas – O Pereiro de Aguiar – O Pereiro de Alén – Prexigueiró – San Salvador – Vilar
  • Sabadelle San Martiño
    Lagocios – Parada – Sabadelle – San Benito da Veiga ou Seoane- Vilaboa – Xubande
    A Lamela Sta. María
    Cachamuíña – A Lamela
  • San Martiño de Moreiras
    O Piñeiro – O Roupeiro – San Martiño – Santa Baia – A Venda
  • San Xoán de Moreiras
    A Casanova – A Derrasa – O Outeiro – Ribela – San Xoán de Moreiras
  • Santa Marta de Moreiras
    Boeiros – Casmartiño – Caspiñón – A Chaira – Cimadevila – Os Gozos – A Medorra – Monterrei – O Outeiro – Outeiromeao – Pedraio – O Penedo – Pioselo – Santa Marta
  • Tibiás San Bernaldo
    Casarío – A Murteira – O Pelouriño – Tibiás
  • Triós San Pedro
    Cachamaría – Malobrigo – Outeiro – O Pazo – Penedo – Sobrado – Triós – Vilar
  • Vilariño Sta Cristina
    Barreiros – Cerradao – A Eirexa – Figueiredo – A Granxa – As Papelas – A Pena – O Regueiro – San Salvador – Vilariño
As principais vías de comunicación son a estrada N-120 Ourense-Ponferrada e a estrada C-536 Ourense-A Rúa, existindo ademais numerosas vías secundarias que unen os diferentes núcleos de poboación do Concello, como son as estradas de Castadón a Luíntra, Cortiñas a Tarreirigo, Tapada de Bouzas pola Chaira, A Derrasa a Faramontaos, Ferradal a Loña do Monte e Vilariño ao Pereiro , polo que podemos afirmar que é un dos concellos mellor dotados da provincia en infraestruturas viarias.

RÍOS

Polo Concello do Pereiro de Aguiar transcorren dous ríos (Miño e Loña) e multitude de pequenos regatos (Pensos, Prado, Gruñal,  etc).

No que se refire ao  Miño podemos dicir que está situado ao NO do Concello, e pasa por debaixo das terras de Melias e Vilariño.

Do río Miño poderiamos dicir que é un río español e portugués cunha lonxitude de 340 km. Nace pola unión de varios regatos na  “Serra da Miña”  na provincia de Lugo, a 600m de altitude, dirixíndose ao nordeste para logo orientarse ao sueste e confluír co río Sil nos Peares. Pasa por Ourense e Ribadavia e forma fronteira con Portugal, desembocando na Guarda. Na súa maior parte atópase encaixado  no Macizo Granítico galego.

A forma encaixada do seu val, xunto co seu caudal moi regular, fano particularmente apto para a produción de enerxía eléctrica.

O río Loña atravesa o Pereiro sendo por este motivo máis importante para o concello que o río Miño, aínda que non poida competir en caudal, poderío e grandeza. Nace ao pé do monte A Moura na parroquia de Loña do Monte (Nogueira de Ramuín) e baña as parroquias de Armariz, Rubiacós, Faramontaos, Covas, Lamela, Tibiás, Santa Marta e Velle, onde desemboca pola esquerda do río Miño.