PADRE FEIJÓO

Benito Gerónimo Feijoo e Montenegro

O lugar de Casdemiro, na parroquia de Sta. María de Melias, viu nacer a un dos polígrafos máis destacados de Galicia e de Europa do seu tempo. Autor dunha obra extensa e renovadora, as súas ideas ilustradas e notablemente avanzadas levárono a ser conselleiro de reis e forxador do espírito da súa época.

Benito Gerónimo Feijoo e Montenegro naceu en Casdemiro (O Pereiro de Aguiar) en 1676. A súa xuventude transcorreu nas terras das ribeiras do Sil, cursando os seus primeiros estudos na ‘Escuela de Santidad’ do Mosteiro de Santo Estevo.

Aos catorce anos trasládase ao Mosteiro de Samos, onde é ordenado monxe da Orde Beneditina dous anos máis tarde, á idade de dezaseis anos. Dende ese momento ata os 33 anos pasa a súa vida nos mosteiros de Poio e Lérez, próximos a Pontevedra. Neste último imparte clases a futuros monxes, entre os que se atopa o seu discípulo e igualmente célebre polígrafo Padre Martín Sarmiento. Máis tarde convértese en doutor en Sagrada Teoloxía na Universidade de Oviedo, cidade na que será nomeado Mestre xeral da Orde de San Bieito e, en dúas ocasións, abade do mosteiro de San Vicente. Sendo xa o seu pensamento un dos máis influentes do estado, ofrécenlle as abadías de Samos e de San Martín de Madrid, así como un bispado en América, posto á súa disposición por Felipe V en persoa, pero sen aceptar ningunha destas propostas.

Feijoo alcanza a categoría de home de estado ao ser nomeado membro do Consello de Castilla, consello real do monarca Felipe VI, quen tamén prohibiu persoalmente os ataques e censuras da Inquisición contra a progresista obra de Feijoo. Desta forma, as opinións do monxe adquiren o valor de ‘palabra do Rei‘. O insigne polígrafo e estadista fina no Mosteiro de San Vicente de Oviedo en marzo de 1764, aos oitenta e sete anos de idade.

A extensa obra de Feijoo amosa un carácter ilustrado, incluso un tanto precoz e avanzado para o seu tempo, así como tamén pedagóxico, divulgador, práctico e enciclopedista, abarcando un vasto campo de saber que vai dende a filosofía á medicina, pasando pola economía, ata o dereito e a política.

A sagacidade, lucidez e intuición dos numerosos volumes do seu”Theatro Crítico Universal” e as súas”Cartas eruditas y curiosas” valéronlle o recoñecemento unánime e a admiración dos seus contemporáneos. Por todo isto, non cabe a menor dúbida de que o Padre Feijoo foi un preclaro home de avanzado progresismo, forxador do espírito da súa época e precursor da Ilustración de Europa.