As características que presenta a igrexa permítennos datala a fins do século XIII ou comezos do XIV polo tanto pertence a un románico tardío.
Ten planta rectangular dunha soa nave cunha ábsida tamén rectangular. A sancristía é do século XVIII e está anexa ao muro sur da cabeceira.
Os muros da igrexa están decorados cara o exterior con arquiños de medio punto ornamentados con cunchas no seu interior e con canzorros que se alternan con escenas figurativas como a do cazador que alancea un oso.
As portadas posúen arquivoltas oxivais. Na que abre cara o sur, as arquivoltas están decoradas con bólas e susténtanse sobre columnas con capiteis corintios; a portada do oeste, moito máis simple contén liñas en zigzag como decoración.
Na fachada sur sitúase un reloxo de sol ben conservado; e no alto da igrexa érguese unha espadana. Con todo, o elemento máis destacado de Santa Marta de Moreiras é o seu teito interior cuberto por un artesoado que conten imaxes policromadas realizadas coa cunha exquisita técnica.