A súa construción data dos séculos XVI-XVIII. Conserva polo tanto vestixios góticos, renacentistas e barrocos. Conta con tres naves, sendo a central máis alta e ancha que as laterais.
O templo presenta unha fachada barroca con tres corpos verticais, pero a diferenza doutros templos da mesma época, este só ten unha torre. No corpo central están as portas flanqueadas por un baquetón rematado en dúas pilastras. Enriba das portas, unha cornixa arquitrabada con peaña enriba que contén unha imaxe.
Os dous corpos laterais, simétricos, están encadrados por anchas pilastras refundidas con arcos de pouco relevo.
A torre presenta tres corpos; o primeiro con catro ocos de arcos de medio punto, flanqueado por pilastras que reproducen liñas e ritmos na fachada; o segundo é moi similar pero de menor tamaño e o terceiro consta de tambor e cupulín.
No seu interior, na capela do Carme, atópase un retablo barroco do século XVIII e de gran calidade artística.