A igrexa acomódase nun abrigado recuncho de forte desnivel. É un bo exemplo da austeridade románica do rural nas súas formas.
Conta cunha soa nave con ábsida rectangular. Ten dúas portadas moi similares entre si, na fachada principal e no muro sur; ambas cunha única arquivolta e cunha parella de columnas como soporte e capiteis lisos, ao igual que o tímpano.
Na fachada principal e nos dous laterais apreciamos cinco canzorros decorados con liñas xeométricas simples, aínda que parece distinguirse algunha figura humana dun xeito moi abstracto.
Coroando o muro do presbiterio érguese unha fermosa e emblemática cruz calada. Ademais, contén unha inscrición cicelada nun perpiaño xunto á entrada do mediodía que data a Igrexa en 1266.