Situada no lugar de San Salvador pertencente á parroquia de San Salvador de Prexigueiro, podemos acceder a esta casa a través da estrada OU-536 (Ourense- A Rúa).
De construción popular data dos séculos XVII-XVIII. O único que se conserva desta construción sen reformar é a Torre, xa que o resto do conxunto foi considerablemente modificado.
Antigamente o conxunto estaba unido por portas das que hoxe en día non se conserva ningunha ao estar todas elas tapiadas. Dende a cara sur presenta tres corpos ou andares, estando o superior adornado cun corredoiro de madeira. Na primeira planta da edificación sitúase unha boa solaina sobre espléndidos apoios.
O tellado está a catro augas e o conxunto é dunha certa complexidade con edificacións en plantas rectangulares con portas de entrada a un patio.