É o “Muíño do Pontillón” o máis moderno de todos cantos comprende este estudo do curso medio do río Loña e de todo o Municipio do Pereiro de Aguiar. Polas súas dimensións e estrutura, ademais do seu uso, novidoso e singular,  é un exemplo piramidal e un paradigma, e isto é debido a José Blanco Gil, pai do propietario D. José  Blanco Pereira, quen o utilizou e preparou deixándoo no estado en que hoxe se atopa.

O nome polo que é coñecido recíbeo por atoparse ao lado do “pontillón”, ponte de formigón construída  no primeiro terzo do século XX. O muíño atópase nas inmediacións da cabeceira do encoro de Cachamuíña.

Accédese a el pola estrada xeral Ourense/Ponferrada, dende as inmediacións do desvío cara ao Vilar e Pereiro de Alén sobre a parede da presa, punto no que parte outro camiño en dirección oposta, cara á esquerda, que se dirixe cara ao  pontillón por forte pendente. Por aquí pasábase ao outro lado; aos lugares de Recobio, Pereiro de Alén e O Pereiro, ademais de Vilar, da parroquia de San Salvador de Prexigueiró, e dende Cachamuíña antes de facer o encoro.

É un muíño de grandes dimensións, que ten unha planta practicamente trapezoidal, na que a parede máis pequena é a da fachada, atopándose as dúas maiores en disposición transversal ó leito do río, o que é rechamante por singular. Isto non é “óbice” para o seu funcionamento, pois a auga chégalle por unha canle paralela ao Loña. A súa realización é de cachotería irregular, con arrexuntado exterior e posterior encintado, con morteiro de cemento branqueado con cal, a excepción da parede do río. Esta é a parte de maior volume de edificación, cun muro de grandes dimensións para salvar o gran desnivel. Os dous terzos restantes da estrutura do muíño están construídos con grandes pedras de cantería asentadas en ringleiras regulares.

A estrutura da cuberta é case rectangular cunha armadura a catro augas, e tella curva do país sobre aleiro de madeira, que se prolonga polo SE. da fachada nun ancho soportal, sobre dous pés dereitos de madeira de sección cilíndrica, utilizábase como resgardo dos animais que eran empregados no labor de transporte dos sacos de gran e fariña. A ambos lados da porta , nas xuntas, hai ferraduras nas que eran atados no labor de carga e descarga.

A auga chega ao muíño por unha longa canle que discorre paralelo ao río, polo leste. É ancha pero pouco fonda, e está feita con cachotería unida con morteiro.

Neste muíño moeu o Sr. Blanco Gil ata pouco antes do seu pasamento, a comezos de 1997. Por iso dispón aínda de moega e artesas. E tamén ten o sistema de produción de electricidade, que utilizou para uso propio noutra industria que tiña, ademais da súa propia vivenda situada ao outro lado da estrada.

Sabedor do valor excepcional do exemplo para o ensino, amosou en numerosas ocasións a grupos de estudantes o funcionamento de ambos enxeños técnicos. Pero coa súa presenza transmitía, así mesmo, algo impagable: a súa experiencia de vello muiñeiro e fillo de muiñeiro, oficio que xa o seu tataravó tamén tiña.

Dirección

Dirección:

42.333833435055, -7.7709358335414

GPS:

42.33950766305, -7.8043477088431

Teléfono:

-

Email:

-

Web:

-

Deixar unha opinión

captcha-input
Precio
Ubicación
Personal
Servicio
Comida
Publishing ...
Your rating has been successfully sent
Please fill out all fields
Captcha check failed