Está situada no lugar de Lamela e dátase no século XVIII aínda que en relación con outras construcións da contorna, pénsase que podería ser máis antiga.
A capela, de planta rectangular, levántase con perpiaños de granito ata a moldura que os separa da cuberta. Esta foi confeccionada a tres augas no seu pórtico de entrada e a dúas augas na nave principal. Sobre ela érguese unha espadana dun único oco decorada nos extremos con pináculos de bóla e rematada nunha cruz latina.
A porta de entrada ten arco de medio punto; non presenta decoración exterior e as fiestras son de pequeno tamaño.
Próximo á capela atopamos o Pazo de Casa Blanca, de estilo barroco e renacentista.
A festividade de San Caetano celébrase o 7 de agosto.