O espazo xeográfico no que se asentan os muíños busca necesariamente a proximidade dun leito de auga, río ou regato, cun certo nivel de caudal, por iso, no Pereiro de Aguiar, a maioría deles atópanse no río Loña, río que é necesario presentar.
O Loña é o máis importante afluente do río Miño na provincia de Ourense pola esquerda do seu leito dende que, nos Peares –no linde entre esta provincia e a de Lugo-, se xunta co Sil.
Desemboca preto da capital, dando orixe ao lugar do seu nome na parroquia de Velle (Santa Marta), tras descender encaixado dende o encoro de Castadón (ca. 250 m), sito no extremo do Concello, en territorio do Pereiro de Aguiar (parroquia de Tibiás).
Nace máis alá deste concello, no concello limítrofe de Nogueira de Ramuín, tramo que pode ser considerado coma o alto. O seu nacemento prodúcese no monte de Cabeza de Meda, ao pé da serra, no cumio atópase o santuario da Virxe do Monte (ca. 700 m de altitude), descendendo ao entrar no Pereiro a cotas de ao redor de 400 m, manténdose constantemente por debaixo da dita altitude. Pola contra, no encoro de Cachamuíña, está ao redor dos 350 m. O Pereiro de Aguiar está, pois, no seu curso medio.
O río transcorre polas parroquias de Loña do Monte (San Salvador), Rubiacós (Santa Cruz).
No Pereiro de Aguiar entra por San Cibrao de Covas, e continúa por Santa Marta de Moreiras, San Salvador de Prexigueiró e Santa María de Lamela, para pasar finalmente pola de San Bernardo de Tibiás, onde conclúe a súa traxectoria neste concello. O réxime deste curto río é pluvial preferentemente, podendo ser, en menor medida, pluvio-nival.
Os edificios dos muíños teñen, xeralmente, unha estrutura regular, cunha gran simplicidade de volumes. Así, sitúanse en paralelo co leito do río, en desnivel cara el, co fin de que a auga que vén pola canle entre pola fachada (parte superior) e saia polo lado oposto (parte inferior), aínda que ás veces se atopa en posición transversal. Ten por isto unha planta rectangular, nos muros de maiores dimensións polo lado do leito do río.
O material de construción é de pedra granítica de cachotería, isto é, anacos de pedra sen labrar, irregulares, de dimensións medias, pedras trabadas sen axuda de morteiro, xeralmente, buscando o seu mellor asento. Para o enripiado énchense os buratos con pequenas pedras (“rachas”). Os “cachotes” maiores colócanse na parte exterior dos muros, traballados ás veces (“cachotería” concentrada), e os menores no interior. Nos ángulos dos edificios e sobre os distintos vans (portas e fiestras), as pedras selecciónanse con especial coidado. No que atinxe á cuberta, adoitan facerse a dúas augas xeralmente. No interior ten dous niveis, o superior ou “terminado” – nome que recibe así mesmo o chan no que cae a fariña-, e o inferior, chamado sartén ou “inferno”, no que está o mecanismo que move a moa debaixo do piso, que está aberta cara ao río.
A fin de dar a coñecer as características dos muíños e os valores que atesoura o río Loña nas súas inmediacións, seleccionamos cinco no elenco estudado neste concello. Son os seguintes: muíño “do Faba”, ao comezo da ampla veiga de Boeiros; o muíño “do Orentino”, na parte media e o muíño “da Penela/do Cambeiro”, na parte final con variantes tipolóxicas. Así o primeiro inclúe unha casa pegada, baixo o mesmo teito, e unha gran ponte, paso sobre o río que no segundo é unha sinuosa e estreita ponte de lousas con acceso polo desaugue das moas, con notables solucións construtivas no muíño a partir da utilización da cantería; e no terceiro a casa é un anexo, en desnivel, con relevos na entrada. As súas grandes presas e longas canles definen nelas os espazos. O muíño “dos Gozos”, próximo ao lugar da Derrasa e no sitio máis baixo da chaira, é o maior conxunto de moas, nas que entra a auga practicamente dende a presa. A súa proximidade ao santuario dálle, ademais, unha riqueza especial no aspecto documental. Finalmente o muíño “do Pontillón”, en Cachamuíña, situado a continuación da presa e xa encaixado, obra singular pola súa estrutura e novidade na aplicación da forza da auga. Todos eles, e algún especialmente, son susceptibles de ser declarados como “ben cultural”. Dende a súa análise, achegámonos a unha tecnoloxía hidráulica e de transformación do cereal, ante todo, pero ademais a uns espazos fluviais, reveladores dun “modus vivendi” multisecular, achegado no tempo.
En definitiva, a uns espazos naturais marxinais nos que o home deixou un inmellorable exemplo de utilización do medio ambiente, aproveitando a orografía. A orde que seguiremos é a do curso natural do río.